top of page
Rocio Romero Otero - Sobre mi.jpg

Que queres ser cando sexas maior?

"Vendedora de xeados", contestaba sempre.
 

E aquí estamos, sen vender xeados 😐

Pero daquela... quen son? 🙂

Son galega, moi, moi galega e moi, moi da miña terra. Tamén trotamundos, moi, moi trotamundos e moi, moi fuxefuxe.

Era tímida e dábame medo enfrontarme ao descoñecido. Con 10 anos fun a un campamento de verán a dúas horas da miña casa; ao terceiro día chamei a meus pais chorando para que me viñeran recoller porque non aturaba estar lonxe. Tamén con 15 anos subín a un avión rumbo a Indiana para vivir un ano os Estados Unidos e aprender inglés.

Dende que teño memoria, sempre me deu medo falar en público; suaba cada vez que tiña que presentar un PowerPoint na escola. Tamén lembro poñerme diante dun espello cun peite como micrófono, ou gravar a miña voz neses antigos casetes para escoitarme despois, interpretando personaxes e finxindo dar discursos. As aulas de teatro e o traballar facendo reunións semanais a públicos de máis de 50 persoas, chegaron más tarde. Agora, é algo que me enche e desfruto.

Encántame planear. Considérome unha persoa moi organizada, ordenada e perfeccionista. A orde acóugame e reláxame. Tamén amo o espontáneo e sigo unha filosofía de vida de non ignorar ningunha porta que se cruce no meu camiño; inda que non saiba que hai do outro lado, ábroa, paso e actúo en consecuencia —Bah, eu doulle e a ver que pasa—.

A miña paixón polas linguas e a comunicación é innata. De xeito inconsciente, en cada paso que veño dado sempre me gustou comprender, empatizar, poñerme na pel do outro, adaptar a miña forma de comunicarme o máximo posible para que me entenda mellor, para que conecte mellor comigo e se sinta máis próximo ao que lle quero transmitir. Isto pode significar moitas cousas distintas segundo a situación: cambiar de lingua, aprender unha nova, asimilar e interiorizar a súa cultura, utilizar un rexistro diferente, reformular o xa dito… ou todas as anteriores xuntas e moitas máis!

Considero que todas as personalidades son igual de válidas, e que a parte fundamental da miña forma de ser reside precisamente en respectalas todas por igual e saber adaptarme a elas. Tras moitas experiencias vitais —vivindo no estranxeiro—, laborais —traballando con xente de todo o mundo— e persoais —descubrindo e desenvolvendo as miñas paixóns e relacionándome co meu entorno—, fun pouquiño a pouco poñendo en sintonía quen son a nivel persoal e quen son a nivel profesional, para chegar ao punto no que estou agora e poder dicir...

Quéroche axudar!

Déixasme?

😊

Non che conto toda esta leria para aburrirte nin para confundirte; diso nada. Compártoo contigo para que entendas que se algo me caracteriza é unha gran capacidade de adaptabilidade e flexibilidade, e iso é precisamente o que busco reflectir en tódolos proxectos dos que formo parte.

Os meus servizos lingüísticos e de comunicación non terían sentido se non contase cunha personalidade un tanto camaleónica que levo desenvolvendo toda a miña vida; se non soubera entender e adaptarme tanto á persoa que quere comunicar algo como á que lle quero transmitir a mensaxe. Esta capacidade de aclimatación e adecuación a un novo contexto é, precisamente, o que che veño ofrecer:

a un novo idioma

a unha nova cultura

Transforma o teu proxecto ou idea

a un novo formato

a un novo público

sen perder a túa esencia

pero incorporando a do teu interlocutor

para crear un vínculo forte e duradeiro

bottom of page